Thursday 16 de May de 2024

O centro comercial Monte Balado acollerá este sábado unha Feira de Nadal organizada pola asociación Darredor e o Concello de Brión


O centro comercial Monte Balado acollerá este sábado 18 de decembro, de 11:00 a 19:00 horas, unha Feira de Nadal organizada pola asociación Darredor e o Concello de Brión. Unha xornada que combinará os postos e produtos típicos do Mercado mensual (alimentación, libros, artesanía, produtos de segunda man…) con outra serie de postos e actividades paralelas.

Así, os máis pequenos poderán desfrutar con dous obradoiros: “Seica vén o apagón!”, no que aprenderán a facer velas; e “Delicias galegas”, un obradoiro de cociña con produtos do propio mercado para degustar nestes días de festa. A maiores, haberá visita sorpresa de Papá Noel ou do Apalpador, así como unha actuación musical con panxoliñas.

Finalmente, no mercado haberá un “Posto para o desabastecemento”, para que ninguén quede sen agasallo no Nadal. Neste posto, calquera persoa poderá deixar aqueles xoguetes que a crianza ten moi vistos e levar outro diferente. Iso si, esixirase que o xoguete estea en bo estado, limpo e listo para xogar con el.

E se algunha persoa de Brión quere sumarse á Feira de Nadal co seu propio posto só ten que contactar por Whatsapp con 633 122 772 ou enviando un mail a daquidarredor@gmail.com.